Cumprindo co preceptuado polos seus estatutos o Centro Benéfico Social Hijos de la Estrada esta desenvolvendo un gran traballo de asistencia social axudando aos galegos con necesidades apremiantes. Para levar a cabo este labor conta coas axudas da Consellería de Emigración a través do programa “Axudas a entidades galegas para a prestación de servizos asistenciais” e da Fundación Galicia Emigración.
Salientar neste campo que teñen varias sepulturas no “Cementerio del Este” en Caracas a disposición dos socios con escasos recursos económicos.
Entre as actividades recreativas que leva a cabo durante o ano cabe destacar a “Festa del Salmón y la Richada” evento que sobresae entre as celebracións que fan as comunidades galegas en Venezuela e á que asisten habitualmente autoridades municipais e empresarios da comarca da Estrada. Outras celebracións son a Festa de San Paio (Patrón da Estrada) e romarías en “Valle Fresco” nas que se recadan fondos para as actividades sociais.
Durante un tempo publicaron o boletín Centro Benéfico Social Hijos de La Estrada, e no ano 2004 lanzaron o seu novo medio divulgativo: o boletín A Farola onde se dan a coñecer as actividades da asociación, artigos de interese, etc.)
A Consellería de Emigración contribúe ademais ao funcionamento da entidade a través dos programas “Axudas para realización de proxectos formativos, culturais e actividades asociativas”, “Axudas para accións informativas na Galicia Exterior” e “Axudas para mellora de dotacións e equipamentos.