Centro fundado por un grupo de galegos residentes en Caracas procedentes da bisbarra pontevedresa da Estrada o 14 de decembro de 1958, aínda que non chegou a inscribirse oficialmente como asociación ata o 6 de decembro de 1960. Foi o primeiro centro benéfico galego, que con carácter local ou comarcal foi creado en Venezuela
A nova sociedade languidece axiña debido ao escaso número de socios, ata que en 1971 reaparece de novo, acadando no ano 1979 o seu teito con 460 socios. Na actualidade conta con 242 socios, todos eles galegos. (Segundo os estatutos soamente admiten como socios aos nacidos no partido xudicial da Estrada (concellos da Estrada, Forcarei e Cerdedo), aos cónxuxes dos nacidos nese partido e a os fillos).
Obtivo a condición de galeguidade o 28 de xaneiro de 1988 por Decreto 31/88 (DOG nº 28 do 11 de febreiro).
Non teñen instalacións propias, polo que utilizan para a maioría das súas actividades as da Hermandad Gallega de Venezuela.